
O 17 de decembro de 2010, en acordo da Comisión Bilateral de Vivenda procedeuse á declaración da Área de Rehabilitación Integral Camiños de Santiago.
A delimitación da ARI comprende o trazado das setes rutas do camiño en Galicia:
Francés. Dende Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
Da Prata.
- Da Prata I. Dende A Mezquita ou Verín ata Ourense
- Da Prata II. Dende Ourense ata Santiago de Compostela
Inglés. Dende Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
Primitivo. Dende A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
Norte. Dende Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
Fisterra- Muxía. Dende Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
Portugués. Dende Tui a Santiago de Compostela
En total son 471 parroquias de 107 concellos distintos as que se poden beneficiar das axudas desta ARI. Nos concellos rurais as axudas son aplicables na totalidade da parroquia pola que transcorren as rutas do Camiño de Santiago, mentres que nas zonas urbanas a Área de Rehabilitación limítase á traza do Camiño.
Ao ser un ámbito diferente ao das outras áreas de rehabilitación xa declaradas e comprender un número amplo de concellos, concretouse a declaración considerando, dentro do ámbito de actuación aos efectos de rehabilitación de vivendas, edificios de vivendas e actuacións de urbanización, a todas as vivendas incluídas nas parroquias polas que discorren os diferentes camiños, coas seguintes excepcións:
1.- Non se inclúen as vivendas que figuren dentro dos ámbitos definidos por unha ARI xa declarada.
2.- Nas conexións coas cidades e pobos importantes delimitarase o ámbito exclusivamente ao trazado do camiño.
No acordo da Comisión Bilateral do 17 de decembro de 2010 especificouse que no ámbito da ARI declarada (Camiños de Santiago) a xestión das actuacións e as posibles axudas por parte do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galicia, serán xestionadas directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ao abeiro de acordos específicos de financiamento que se asinen nas comisións bilaterais de vivenda, cifrándose o número de vivendas susceptibles de intervencións rehabilitadoras en máis de 100.000.
En total, nas parroquias polas que discorren as distintas rutas dos Camiños de Santiago habitan arredor de 500.000 persoas, maioritariamente en núcleos de tipo rural.