Os Camiños de Santiago constitúen un activo singular da Comunidade autónoma de Galicia. A relevancia do Camiño de Santiago, declarado Itinerario Cultural Europeo, supera o ámbito autonómico e mesmo o estatal, como o amosa o feito de que dous dos Camiños, o Francés e o Norte, sexan Patrimonio da Humanidade. Xunto ao propio significado do Camiño, destacan o seu ámbito paisaxístico, os núcleos que atravesa, os elementos arquitectónicos monumentais neles situados e calquera outro elemento protexido ou merecente de protección, como os arqueolóxicos.
Entre os elementos máis determinantes desta paisaxe están os espazos residenciais xa construídos. Estes espazos son o resultado das actuacións e intervencións que o home foi realizando no territorio para cubrir as súas necesidades residenciais.
No patrimonio residencial construído á beira dos Camiños de Santiago conflúen edificacións de diferentes épocas que translocen os cambios socioeconómicos que se foron producindo co paso do tempo e que, loxicamente, supuxeron alteracións nas formas de asentamento que inciden claramente na paisaxe ata traernos á situación actual, pero que, sen dúbida, constitúen un sinal de identidade colectivo que acaba por ser o reflexo dunha comunidade.
Unha paisaxe coidada e atractiva incentiva comportamentos integrados e de respecto polo ámbito, mentres que un espazo visualmente deteriorado induce a actitudes agresivas e pouco respectuosas e desanima á realización de actuacións de calidade.
Conxuntos a miúdo significativos de construcións rurais tradicionais quedaron no abandono e sen mantemento, deteriorándose e outorgando ao territorio unha imaxe que afecta moi negativamente á súa percepción. Moitas desas construcións, ás veces cunha transformación non moi doada, poden conseguir as esixencias de confort, economía e funcionalidade da vivenda actual.
Así, neste ámbito a intervención pública é fundamental para fomentar a recuperación do construído, mellorando as condicións de vida dos ocupantes das vivendas, os espazos públicos e creando unha dinámica favorable ao investimento na zona e a consideración da paisaxe residencial como un motor de desenvolvemento do seu entorno.
Ademais, a conservación e mellora dos asentamentos nestes ámbitos, principalmente rurais, deben de axudar a manter un mellor equilibrio no reparto da poboación no territorio evitando o abandono e o despoboamento destas zonas e facilitando o mantemento de actividades económicas e de servizos que doutra forma están abocados a desaparecer.
Neste sentido, é primordial dispoñer dunha estratexia global de recuperación do construído nunha zona tan sensible como o ámbito dos Camiños de Santiago e para elo faise necesaria a intervención pública. É importante actuar nos diferentes itinerarios do Camiño que percorren toda Galicia eliminando degradacións e adecuándoos dende o punto de vista funcional, residencial, paisaxístico e ambiental.
Recuperar a convivencia dos distintos usos que se dan no espazo público e recuperar o valor do contorno mediante actuacións de acondicionamento de vivendas, permite valorizar o conxunto do patrimonio rural e acadar un certo equilibrio entre o mantemento dunha calidade ambiental evidente e os aspectos funcionais que deben de presentar as vivendas así como a estrutura interna dos propios núcleos.
Deste xeito, a ARI dos Camiños de Santiago, está orientada á mellora das vivendas situadas nas parroquias polas que transcorren os diferentes camiños e debe de ser un compendio das diferentes formas de intervención pública sobre o construído, xa que acumula características propias de cada un dos diferentes programas de fomento existentes en materia de rehabilitación. Así:
- Afecta principalmente a vivendas unifamiliares pero tamén poden verse beneficiados edificios colectivos.
- As actuacións a realizar teñen as características dos programas de rehabilitación illada aínda que están integradas nunha area de rehabilitación que pretende darlle una unidade de tratamento ás actuacións e que permite as intervencións en espazos públicos.
- Afecta a ámbitos principalmente rurais, aínda que tamén toca importantes zonas cascos urbanos.
- Afecta a un bo número de edificacións protexidas polo Camiño de Santiago, pero moitas outras edificacións non están sometidas a ningún tipo de protección. Os distintos ramais do Camiño de Santiago, unha vez identificados, veñen sendo protexidos por delimitacións a partir dunha banda de 30 metros de profundidade a cada lado da traza do camiño.
Por todo o anterior, é necesario orientar a súa implantación cunha vocación de permanencia no tempo establecendo liñas de axudas que impulsen as obras de rehabilitación, que melloren as condicións de habitabilidade das vivendas, que adecúen os espazos públicos e que, ademais, cree nos habitantes das zonas polas que pasan os diferentes camiños unha “cultura de Rehabilitación”, de forma que acaben interiorizando as vantaxes de conservar o seu patrimonio tanto dende o punto de vista da recuperación da paisaxe residencial edificada, da sustentabilidade territorial, da mellora das condicións de vida dos ocupantes das vivendas como dende o impulso da actividade económica e da creación de emprego. Ademais, e dado que gran parte dos concellos afectados están situados no interior de Galicia, estas actuacións supoñen tamén unha medida de reequilibrio territorial.
De interés
PROGRAMA DE FOMENTO DA REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS.
Convocatoria 2021: RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021 (códigos de procedemento VI422E, VI408H, VI408N, VI422F e VI406A). (DOG 22/03/201)
Ámbito da ARI
A delimitación da ARI comprende o trazado das setes rutas do Camiño en Galicia:
- Francés. Dende Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
- Da Prata: Dende A Mezquita ou Verín ata Santiago de Compostela
- Inglés. Dende Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
- Primitivo. Dende A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
- Norte. Dende Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
- Fisterra- Muxía. Dende Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
-
Portugués polo interior: desde Tui a Santiago de Compostela.
-
Portugués pola costa: desde A Guarda ata Redondela onde conecta co Camiño Portugués polo interior.
-
Camiño de Inverno: desde Carballeda de Valdeorras ata Lalín onde conecta co Camiño da Prata ou Sanabrés.
Particularidades do ámbito:
- Non se inclúen as vivendas que figuren dentro dos ámbitos doutra ARI xa declarada.
- Nos concellos rurais as axudas son aplicables na totalidade da parroquia (excepto no indicado no punto seguinte)
- Nas conexións coas cidades e vila limitarase o ámbito exclusivamente ao trazado do camino.
Persoas beneficiarias:
- Persoas propietarias únicas de edificios ou de vivendas.
- Comunidades de propietarios/as de vivendas
- Agrupacións de comunidades de propietarios/as de vivendas
Sempre que: non incorran nas prohibicións para ser beneficiario dunha subvención establecidas do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Actuacións protexibles:
Consideraranse actuacións protexibles a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en vivendas, edificios de vivendas, e vivendas unifamiliares a fin adecualas á normativa vixente.
As actuacións protexibles serán as comprendidas no catálogo de actuacións incorporado como anexo I á Resoluciónde 20 de xuño de 2019 (DOG do 2 de xullo)
As actuacións contempladas son as seguintes:
I.- OBRAS DE MANTEMENTO A FIN DE ADECUAR OS EDIFICIOS Á NORMATIVA VIXENTE
1. Actuacións destinadas a garantir a seguridade
- As actuacións necesarias de reforzo, reparación ou consolidación da estrutura portante do edificio para garantir as condicións de seguridade necesarias e para evitar deformacións na estrutura que produzan danos noutros elementos da edificación.
- As actuacións necesarias para eliminar, reparar ou substituír aqueles elementos construtivos que polo seu estado de conservación ou polas súas características podan supor un risco para os usuarios do edificio ou producir danos nos edificios ou espazos contiguos.
- As actuacións necesarias para garantir a protección dos edificios fronte ao lume e garantir a seguridade en caso de incendio. Inclúense neste apartado as actuacións dirixidas a evitar a propagación do lume en caso de incendio, instalar ou reparar os sistemas de protección contra incendios, illar a estrutura do edificio para garantir a súa resistencia en caso de incendio así como as actuacións necesarias para facilitar a evacuación do edificio en caso de incendio.
- A execución das obras precisas para garantir a utilización do edificio en condicións de seguridade eliminando o risco de caídas, de danos por impacto, atrapamento ou aprisonamento.
- A protección do edificio fronte a acción do raio.
2. Actuacións destinadas a garantir a protección fronte a auga e a humidade
- As actuacións sobre as fachadas, carpintería exterior e cubertas das edificacións que teñan por obxecto protexer o edificio fronte a auga de chuvia.
- As actuacións que teñan por obxecto protexer o edificio fronte a auga proveniente do terreo
- As actuacións que teñan por obxecto evitar a condensación da auga nos paramentos ou elementos construtivos da vivenda mediante a eliminación de pontes térmicas, o establecemento de elementos ou sistemas de ventilación, o incremento do illamento térmico, a colocación de barreiras fronte o vapor de auga, etc..
3. Actuacións destinadas a garantir as condicións de salubridade da vivenda
- Establecemento de sistemas de ventilación, activa ou pasiva que garantan a calidade do ar exterior.
- Execución de medidas para evitar a entrada no edificio do gas radon ou adopción de medidas para garantir a súa eliminación do interior das vivendas.
- Actuacións de reparación ou dotación das instalacións axeitadas de subministro de auga
- Actuacións de reparación ou dotación das instalacións axeitadas de evacuación de augas residuais.
4. Actuacións destinadas a adecuar, total ou parcialmente, á normativa vixente as instalacións dos edificios e vivendas
Estas actuacións inclúen as de reparación, actualización, mellora ou substitución das instalacións indicadas a continuación co fin de garantir as súas adecuadas prestacións ou adaptalas total ou parcialmente á normativa específica de aplicación:
- Instalacións de abastecemento de auga
- Instalacións de evacuación de augas residuais
- Instalacións de electricidade.
- Instalacións de infraestruturas comúns de telecomunicacións.
- Instalacións de ascensores.
- Instalacións de auga quente sanitaria.
- Instalacións térmicas dos edificios
- Instalacións de subministración e almacenamento de combustibles
5. Actuacións destinadas a mellorar a protección fronte ao ruído (cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do Código técnico da edificación DB-HR).
Incluirán as intervencións necesarias sobre os elementos construtivos (na envolvente do edificio e nos elementos de separación entre usuarios), encamiñados á mellora do illamento a ruído aéreo e ruído de impacto.
6. Actuacións destinadas garantir que as edificacións cumpran as condicións de ornato público, adecuación ao entorno e de protección do patrimonio cultural ou paisaxístico
- Obras destinadas a reparación ou adecuación das edificacións para garantir o ornato público esixible.
- O remate de fachadas con materiais axeitados ao contorno cando aquelas teñan a vista elementos concibidos para ser revestidos.
- A eliminación e substitución de materiais, elementos ou sistemas construtivos das edificacións que non resulten congruentes co seu contorno.
- As obras de reparación, rehabilitación e ou conservación de fachadas, carpintería exterior ou cuberta das edificacións mediante o emprego de materiais que polas súas características e cores resulten acordes cos das edificacións tradicionais do contorno e ca paisaxe no que estean emprazados.
- En xeral, todas aquelas destinadas a garantir a harmonización das edificacións coas edificacións tradicionais ou históricas do seu contorno e co medio natural onde estean emprazadas.
- As actuacións que teñan por obxecto adecuar os edificios ás esixencias derivadas da normativa sobre protección do patrimonio cultural ou paisaxístico.
II.- OBRAS PARA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DO EDIFICIO E VIVENDA
1. Actuacións destinadas a reducir a demanda enerxética dos edificios e vivendas e reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro
- A execución de obras destinadas reducir la demanda enerxética da vivenda, mediante o incrementando do illamento térmico, a colocación de dobre carpintería ou substitución da existente por outra de maiores prestacións térmicas ou calquera outra medida que teña por obxecto a redución da demanda enerxética.
- As obras ou actuacións destinadas mellorar o rendemento das instalacións térmicas dos edificios e vivendas.
- A substitución dos sistemas de produción de enerxía térmica por outros que impliquen unha menor emisión de gases de efecto invernadoiro ou que utilicen enerxías renovables.
- A colocación, reparación ou mellora dos sistemas de captación da enerxía solar para produción de auga quente sanitaria.
- As actuacións tendentes a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.
III.- OBRAS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE ACCESIBILIDADE AOS EDIFICIOS E OS ACCESOS ÁS VIVENDAS E LOCAIS E A SÚA ADAPTACIÓN Á NORMATIVA ENERXÉTICA
1. Actuacións destinadas a garantir a accesibilidade dos edificios e vivendas e a súa correcta utilización por persoas con limitacións sensoriais ou motrices.
Considéranse protexibles as seguintes actuacións cando teñan por obxecto garantir a accesibilidade aos edificios e vivendas ou facilitar a súa utilización por persoas con limitacións sensoriais ou motrices:
- A eliminación das barreiras arquitectónicas que podan supor un atranco para a súa utilización.
- A execución de obras ou instalacións así como a súa adecuación para a utilización por estas persoas.
- A instalación de mobiliario de cociña adaptado.
- A execución de baños e aseos ou a adaptación destes ou dos seus elementos.
- A adecuación dos espazos da vivenda co obxecto de permitir ou facilitar a súa correcta utilización.
- A adición e acondicionamento á vivenda de espazos que tiveran un uso distinto ao de vivenda cando aquela non reunise os requisitos de accesibilidade precisos.
En ningún caso se considerarán protexibles as seguintes actuacións:
- As que supoñan a demolición ou baleirado interior das edificacións, coa excepción dos casos en que sexa preciso para garantir as condicións de accesibilidade ou para adecuar ou executar as instalacións dos edificios.
- As obras que impliquen unha redistribución dos espazos dos edificios e vivendas.
Contía das axudas:
O gasto subvencionable fixado na cualificación definitiva determinarase logo da comprobación da execución de todas as obras e da emisión do informe favorable dos servizos técnicos das Áreas Provinciais do IGVS, en atención ás facturas e documentos bancarios de pagamento que se presenten como xustificación destas.
A contía máxima da axuda estatal non poderá exceder o 40 por cento do custe subvencionable:
- Ata 12.000 euros para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética
- Ata 8.000 euros para actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas
- Ata 30.000 euros, por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida
As axudas autonómicas terán un importe máximo de 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, sen que en ningún caso poida exceder do 10% do custo subvencionable da actuación reflectida na cualificación definitiva.
Sumaranse ata 1.000 euros, por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación e/ou renovación, se se adapta á Guía de cores e materiais aprobada pola Xunta de Galicia.
Procedemento:
1 º paso: solicitar a cualificación provisional
Para participar neste programa as persoas interesadas deberán solicitar a cualificación provisional das actuacións de rehabilitación e executar as obras de conformidade coa resolución de cualificación provisional.
Prazo de presentación de solicitudes de cualificación provisional:
A cualificación provisional pode solicitarse en calquera momento anterior á finalización das obras. O prazo de presentación de solicitudes pecharase por resolución da dirección xeral do IGVS en atención ao número de solicitudes presentadas e a dotación orzamentaria dispoñible. A resolución de peche do prazo de presentación de solicitudes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do IGVS.
2º paso: solicitar a cualificación definitiva
No prazo máximo dun mes dende o remate das obras, e sempre antes do cumprimento do prazo máximo de execución fixado na resolución de cualificación provisional, a persoa promotora deberá solicitar á correspondente Área provincial do IGVS, a cualificación definitiva das actuacións.
3º paso: solicitar a axuda
No DOG do 22 de marzo de 2021, publicouse a convocatoria das axudas do programa de rexeneración e renovación urbanas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 23 de marzo e ata o 30 de setembro de 2021.
Para poder acceder ás subvencións é necesario que a actuación de rehabilitación do edificio ou vivenda conte coa correspondente resolución de cualificación definitiva.
Non esqueza
O outorgamento da cualificación provisional ou definitiva non implica o recoñecemento do outorgamento da subvención, a cal deberá ser solicitada ao abeiro da correspondente convocatoria.
Incompatibilidades:
Non poderán obter os beneficios deste programa para as actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago as persoas beneficiarias das axudas do programa de rehabilitación edificatoria do Plan de Vivenda estatal.
Tampouco poderán beneficiarse destas axudas as vivendas incluídas no ámbito doutras ARI xa declaradas.
Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, as subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.
Declaración da ARI
O 17 de decembro de 2010, en acordo da Comisión Bilateral de Vivenda procedeuse á declaración da Área de Rehabilitación Integral Camiños de Santiago.
A delimitación da ARI comprendía inicialmente o trazado das setes rutas do camiño en Galicia (ampliado en 2019 con dúas rutas máis):
Francés. Dende Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
Da Prata.
- Da Prata I. Dende A Mezquita ou Verín ata Ourense
- Da Prata II. Dende Ourense ata Santiago de Compostela
Inglés. Dende Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
Primitivo. Dende A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
Norte. Dende Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
Fisterra- Muxía. Dende Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
Portugués. Dende Tui a Santiago de Compostela
Rutas incorporadas á ARI dos Camiños de Santiago en 2019:
Portugués pola costa: desde A Guarda ata Redondela onde conecta co Camiño Portugués polo interior.
Camiño de Inverno: desde Carballeda de Valdeorras ata Lalín onde conecta co Camiño da Prata ou Sanabrés.
En total son 126 concellos distintos os que se poden beneficiar das axudas desta ARI. Nos concellos rurais as axudas son aplicables na totalidade da parroquia pola que transcorren as rutas do Camiño de Santiago, mentres que nas zonas urbanas a Área de Rehabilitación limítase á traza do Camiño.
Ao ser un ámbito diferente ao das outras áreas de rehabilitación xa declaradas e comprender un número amplo de concellos, concretouse a declaración considerando, dentro do ámbito de actuación aos efectos de rehabilitación de vivendas, edificios de vivendas e actuacións de urbanización, a todas as vivendas incluídas nas parroquias polas que discorren os diferentes camiños, coas seguintes excepcións:
1.- Non se inclúen as vivendas que figuren dentro dos ámbitos definidos por unha ARI xa declarada.
2.- Nas conexións coas cidades e pobos importantes delimitarase o ámbito exclusivamente ao trazado do camiño.
No acordo da Comisión Bilateral do 17 de decembro de 2010 especificouse que no ámbito da ARI declarada (Camiños de Santiago) a xestión das actuacións e as posibles axudas por parte do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galicia, serán xestionadas directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ao abeiro de acordos específicos de financiamento que se asinen nas comisións bilaterais de vivenda, cifrándose o número de vivendas susceptibles de intervencións rehabilitadoras en máis de 100.000.
En total, nas parroquias polas que discorren as distintas rutas dos Camiños de Santiago habitan arredor de 500.000 persoas, maioritariamente en núcleos de tipo rural.
Concellos afectados
Francés
A CORUÑA | LUGO |
---|---|
ARZÚA | MONTERROSO |
MELIDE | PALAS DE REI |
O PINO | PARADELA |
SANTIAGO DE COMPOSTELA | PEDRAFITA DO CEBREIRO |
PORTOMARÍN | |
SAMOS | |
SARRIA | |
TRIACASTELA |
Camiño da Plata
A CORUÑA | OURENSE | PONTEVEDRA |
---|---|---|
BOQUEIXÓN | A GUDIÑA | A ESTRADA |
SANTIAGO DE COMPOSTELA | A MEZQUITA | DOZÓN |
VEDRA | ALLARIZ | LALÍN |
AMOEIRO | SILLEDA | |
BAÑOS DE MOLGAS | ||
CASTRELO DE VAL | ||
COLES | ||
CUALEDRO | ||
LAZA | ||
MONTERREI | ||
OIMBRA | ||
OURENSE | ||
PADERNE DE ALLARIZ | ||
PIÑOR | ||
RIÓS | ||
SAN CIBRAO DAS VIÑAS | ||
SAN CRISTOVO DE CEA | ||
SANDIÁS | ||
SARREAUS | ||
TABOADELA | ||
TRASMIRAS | ||
VERÍN | ||
VILAMARÍN | ||
VILAR DE BARRIO | ||
VILARDEVÓS | ||
VILARIÑO DE CONSO | ||
XINZO DE LIMIA | ||
XUNQUEIRA DE AMBÍA |
Do Norte
A CORUÑA | LUGO |
---|---|
ARZÚA | ABADIN |
BOIMORTO | BARREIROS |
MELIDE | BEGONTE |
SOBRADO | FRIOL |
TOQUES | GUITIRIZ |
VILASANTAR | LOURENZÁ |
MONDOÑEDO | |
RIBADEO | |
TRABADA | |
VILALBA |
Fisterra e Muxía
A CORUÑA |
---|
AMES |
CEE |
CORCUBIÓN |
DUMBRÍA |
FISTERRA |
MAZARICOS |
MUXÍA |
NEGREIRA |
SANTA COMBA |
SANTIAGO COMPOSTELA |
Inglés
A CORUÑA |
---|
A CORUÑA |
ABEGONDO |
BETANZOS |
CABANAS |
CAMBRE |
CARRAL |
CULLEREDO |
FENE |
FERROL |
MESÍA |
MIÑO |
NARÓN |
NEDA |
ORDES |
OROSO |
PADERNE |
PONTEDEUME |
SANTIAGO DE COMPOSTELA |
Portugués
A CORUÑA | PONTEVEDRA |
---|---|
AMES | BARRO |
DODRO | CALDAS DE REIS |
PADRÓN | MOS |
ROIS | O PORRIÑO |
SANTIAGO DE COMPOSTELA | PONTECESURES |
TEO | PONTEVEDRA |
PORTAS | |
REDONDELA | |
TUI | |
VALGA | |
VILABOA |
Primitivo
A CORUÑA | LUGO |
---|---|
MELIDE | BALEIRA |
TOQUES | CASTROVERDE |
FONSAGRADA (A) | |
FRIOL | |
GUNTIN | |
LUGO | |
PALAS DE REI |
Mapa dos Camiños
