O ámbito delimitado nesta área comprende o núcleo urbano de Santo Tomé que se asenta a ambas beiras dos ríos Umia e Bermaña. A súa malla urbana configurouse a través da vía romana Braga-Astorga (hoxe Rúa Real), por onde transcorre o Camiño de Santiago. A tipoloxía edificatoria orixinal consiste en edificios apoiados en muros de pedra con estruturas de madeira, de dúas ou tres plantas entre medianeiras. Actualmente, a pesar dos cambios realizados nalgunha das edificacións, mantense aínda un conxunto homoxéneo no centro urbano que é preciso preservar. O ámbito da área está clasificado polas Normas Subsidiarias de Planeamento, aprobadas definitivamente o 5 de xullo de 1995, como solo urbano consolidado baixo parámetros fixados polas ordenanzas 1, 2, 3 e 4.
Os obxectivos fundamentais da declaración desta área son a súa rexeneración, con actuacións encamiñadas a conseguir a rehabilitación e a revitalización social, física, urbanística e económica do ámbito.
Esta área foi declarada o 19 de xaneiro de 2017 e contén 469 vivendas obxecto de rehabilitación.
Imaxe aérea
