O Barrio de Recimil ten a súa orixe nos anos 40 do século XX co fin de solucionar o problema de vivenda nunha área de rápido crecemento industrial. Este novo barrio proletario acollería un milleiro de vivendas de promoción pública para alugamento, destinadas en gran parte aos traballadores da industria naval en pleno apoxeo nesa época. Na actualidade conta con parte da poboación envellecida, familias con algún pensionista na súa composición, e algunhas familias novas chegadas nos últimos anos, como resultado da crise económica que afectou a toda a cidade dende os anos 70. Ao ser un barrio eminentemente obreiro a súa degradación acentuouse co tempo e a situación económica da cidade. Ten un alto grado de ocupación (94% das vivendas) en réxime de alugamento, porque a titularidade dos inmobles é municipal.
O ámbito da Area de Rehabilitación Integral inclúe todo o ámbito definido polo PXOM como Barrio Catalogado e clasificado como solo urbano, regulado pola Ordenanza 11 de vivendas municipais.
Esta área foi declarada o 12 de decembro de 2016, conta cunha superficie de 10,0134 hectáreas e contén 139 edificacións residenciais que albergan 1.012 vivendas obxecto de rehabilitación.
Imaxe aérea
