O ámbito recolle unha área urbana con tipoloxía edificatoria propia das vivendas de promoción pública, ou como neste caso, de vivendas construídas, no ano 1944, polo Grupo de Empresas Álavarez, S.A. (GEA) de Vigo para acoller aos seus traballadores. O ámbito así determinado forma unha tipoloxía edificatoria con características homoxéneas. O modelo de vivenda predominante é a colectiva de tamaño medio. A distribución espacial dos edificios é moi sinxela, 16 edificios colocados en filas que conforman un espazo libre interior e adaptándose á pendente da topografía. En canto á tipoloxía das vivendas, teñen unha distribución moi racionalizada, a súa manifestación exterior é moi propia das vivendas de carácter social construídas e proxectadas polo IPPV dos anos corenta. O 100% da superficie parcelada do ámbito ten uso residencial na súa totalidade. Esta área foi declarada o 22 de xullo de 2015, ocupa unha superficie de 8.795,76 metros cadrados e nela sitúanse 96 vivendas susceptibles de rehabilitación.