A zona da ARI comprende basicamente o Barrio do Castro, o ensanche e dous bloques de vivendas simétricas de mediados do século XX. Ao longo do século XX foron varios os intentos e criterios unificadores utilizados, para dar coherencia a este núcleo urbano concreto, coa idea de sanear ao núcleo primixenio de Vilagarcía de Arousa. No ano 1983 redáctase o Plan Especial de Reforma Interior do Castro e dous anos máis tarde o Plan Especial de Protección do Castro. O Castro é o núcleo orixinario da cidade, onde se encontra a maior parte das vivendas unifamiliares e conserva tipoloxías arquitectónicas de carácter popular vinculada ao mundo mariñeiro. Trátase dunha zona urbana cunha importante densidade edificatoria e con diversas tipoloxías edificatorias que atopamos dentro desta área, destacando sobre as demais a residencia colectiva de nova xeración, mesturada con vivendas unifamiliares tradicionais entre medianeiras, arquitectura ecléctica ou arquitectura racionalista de tipo residencial colectiva ou de vivenda unifamiliar. Esta área foi declarada o 19 outubro de 2009 e nela sitúanse 852 vivendas susceptibles de rehabilitación.
Imaxe aérea
