Programa "Vivendas no Camiño"

PROGRAMA DE FOMENTO DA REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS.

Convocatoria 2021: RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021 (códigos de procedemento VI422E, VI408H, VI408N, VI422F e VI406A). (DOG 22/03/201)

Ámbito da ARI

A delimitación da ARI comprende o trazado das setes rutas do Camiño en Galicia:

  • Francés. Dende Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
  • Da Prata: Dende A Mezquita ou Verín ata Santiago de Compostela
  • Inglés. Dende Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
  • Primitivo. Dende A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
  • Norte. Dende Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
  • Fisterra- Muxía. Dende Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
  • Portugués polo interior: desde Tui a Santiago de Compostela.

  • Portugués pola costa: desde A Guarda ata Redondela onde conecta co Camiño Portugués polo interior.

  • Camiño de Inverno: desde Carballeda de Valdeorras ata Lalín onde conecta co Camiño da Prata ou Sanabrés.

Particularidades do ámbito:

  • Non se inclúen as vivendas que figuren dentro dos ámbitos doutra ARI xa declarada.
  • Nos concellos rurais as axudas son aplicables na totalidade da parroquia (excepto no indicado no punto seguinte)
  • Nas conexións coas cidades e vila limitarase o ámbito exclusivamente ao trazado do camino.

Persoas beneficiarias:

  • Persoas propietarias únicas de edificios ou de vivendas.
  • Comunidades de propietarios/as de vivendas
  • Agrupacións de comunidades de propietarios/as de vivendas

Sempre que: non incorran nas prohibicións para ser beneficiario dunha subvención establecidas do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. 

Actuacións protexibles:

Consideraranse actuacións protexibles a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en vivendas, edificios de vivendas, e vivendas unifamiliares a fin adecualas á normativa vixente.

As actuacións protexibles serán as comprendidas no catálogo de actuacións incorporado como anexo I á Resoluciónde 20 de xuño de 2019 (DOG do 2 de xullo)

As actuacións contempladas son as seguintes: 

I.- OBRAS DE MANTEMENTO A FIN DE ADECUAR OS EDIFICIOS Á NORMATIVA VIXENTE

1. Actuacións destinadas a garantir a seguridade

  • As actuacións necesarias de reforzo, reparación ou consolidación da estrutura portante do edificio para garantir as condicións de seguridade necesarias e para evitar deformacións na estrutura que produzan danos noutros elementos da edificación.
  • As actuacións necesarias para eliminar, reparar ou substituír aqueles elementos construtivos que polo seu estado de conservación ou polas súas características podan supor un risco para os usuarios do edificio ou producir danos nos edificios ou espazos contiguos.
  • As actuacións necesarias para garantir a protección dos edificios fronte ao lume e garantir a seguridade en caso de incendio. Inclúense neste apartado as actuacións dirixidas a evitar a propagación do lume en caso de incendio, instalar ou reparar os sistemas de protección contra incendios, illar a estrutura do edificio para garantir a súa resistencia en caso de incendio así como as actuacións necesarias para facilitar a evacuación do edificio en caso de incendio.
  • A execución das obras precisas para garantir a utilización do edificio en condicións de seguridade eliminando o risco de caídas, de danos por impacto, atrapamento ou aprisonamento.
  • A protección do edificio fronte a acción do raio.

2. Actuacións destinadas a garantir a protección fronte a auga e a humidade

  • As actuacións sobre as fachadas, carpintería exterior e cubertas das edificacións que teñan por obxecto protexer o edificio fronte a auga de chuvia.
  • As actuacións que teñan por obxecto protexer o edificio fronte a auga proveniente do terreo
  • As actuacións que teñan por obxecto evitar a condensación da auga nos paramentos ou elementos construtivos da vivenda mediante a eliminación de pontes térmicas, o establecemento de elementos ou sistemas de ventilación, o incremento do illamento térmico, a colocación de barreiras fronte o vapor de auga, etc..

3. Actuacións destinadas a garantir as condicións de salubridade da vivenda

  • Establecemento de sistemas de ventilación, activa ou pasiva que garantan a calidade do ar exterior.
  • Execución de medidas para evitar a entrada no edificio do gas radon ou adopción de medidas para garantir a súa eliminación do interior das vivendas.
  • Actuacións de reparación ou dotación das instalacións axeitadas de subministro de auga
  • Actuacións de reparación ou dotación das instalacións axeitadas de evacuación de augas residuais.

4. Actuacións destinadas a adecuar, total ou parcialmente, á normativa vixente as instalacións dos edificios e vivendas

Estas actuacións inclúen as de reparación, actualización, mellora ou substitución das instalacións indicadas a continuación co fin de garantir as súas adecuadas prestacións ou adaptalas total ou parcialmente á normativa específica de aplicación:

  • Instalacións de abastecemento de auga
  • Instalacións de evacuación de augas residuais
  • Instalacións de electricidade.
  • Instalacións de infraestruturas comúns de telecomunicacións.
  • Instalacións de ascensores.
  • Instalacións de auga quente sanitaria.
  • Instalacións térmicas dos edificios
  • Instalacións de subministración e almacenamento de combustibles

5. Actuacións destinadas a mellorar a protección fronte ao ruído (cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do Código técnico da edificación DB-HR).

Incluirán as intervencións necesarias sobre os elementos construtivos (na envolvente do edificio e nos elementos de separación entre usuarios), encamiñados á mellora do illamento a ruído aéreo e ruído de impacto.

6. Actuacións destinadas garantir que as edificacións cumpran as condicións de ornato público, adecuación ao entorno e de protección do patrimonio cultural ou paisaxístico

  • Obras destinadas a reparación ou adecuación das edificacións para garantir o ornato público esixible.
  • O remate de fachadas con materiais axeitados ao contorno cando aquelas teñan a vista elementos concibidos para ser revestidos.
  • A eliminación e substitución de materiais, elementos ou sistemas construtivos das edificacións que non resulten congruentes co seu contorno.
  • As obras de reparación, rehabilitación e ou conservación de fachadas, carpintería exterior ou cuberta das edificacións mediante o emprego de materiais que polas súas características e cores resulten acordes cos das edificacións tradicionais do contorno e ca paisaxe no que estean emprazados. 
  • En xeral, todas aquelas destinadas a garantir a harmonización das edificacións coas edificacións tradicionais ou históricas do seu contorno e co medio natural onde estean emprazadas. 
  • As actuacións que teñan por obxecto adecuar os edificios ás esixencias derivadas da normativa sobre protección do patrimonio cultural ou paisaxístico.

II.- OBRAS PARA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DO EDIFICIO E VIVENDA

1. Actuacións destinadas a reducir a demanda enerxética dos edificios e vivendas e reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro 

  • A execución de obras destinadas reducir la demanda enerxética da vivenda, mediante o incrementando do illamento térmico, a colocación de dobre carpintería ou substitución da existente por outra de maiores prestacións térmicas ou calquera outra medida que teña por obxecto a redución da demanda enerxética.
  • As obras ou actuacións destinadas mellorar o rendemento das instalacións térmicas dos edificios e vivendas.
  • A substitución dos sistemas de produción de enerxía térmica por outros que impliquen unha menor emisión de gases de efecto invernadoiro ou que utilicen enerxías renovables.
  • A colocación, reparación ou mellora dos sistemas de captación da enerxía solar para produción de auga quente sanitaria.
  • As actuacións tendentes a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

III.- OBRAS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE ACCESIBILIDADE AOS EDIFICIOS E OS ACCESOS ÁS VIVENDAS E LOCAIS E A SÚA ADAPTACIÓN Á NORMATIVA ENERXÉTICA

1. Actuacións destinadas a garantir a accesibilidade dos edificios e vivendas e a súa correcta utilización por persoas con limitacións sensoriais ou motrices.

Considéranse protexibles as seguintes actuacións cando teñan por obxecto garantir a accesibilidade aos edificios e vivendas ou facilitar a súa utilización por persoas con limitacións sensoriais ou motrices:

  • A eliminación das barreiras arquitectónicas que podan supor un atranco para a súa utilización.
  • A execución de obras ou instalacións así como a súa adecuación para a utilización por estas persoas. 
  • A instalación de mobiliario de cociña adaptado. 
  • A execución de baños e aseos ou a adaptación destes ou dos seus elementos. 
  • A adecuación dos espazos da vivenda co obxecto de permitir ou facilitar a súa correcta utilización. 
  • A adición e acondicionamento á vivenda de espazos que tiveran un uso distinto ao de vivenda cando aquela non reunise os requisitos de accesibilidade precisos. 

En ningún caso se considerarán protexibles as seguintes actuacións:

  • As que supoñan a demolición ou baleirado interior das edificacións, coa excepción dos casos en que sexa preciso para garantir as condicións de accesibilidade ou para adecuar ou executar as instalacións dos edificios. 
  • As obras que impliquen unha redistribución dos espazos dos edificios e vivendas. 

Contía das axudas:

O gasto subvencionable fixado na cualificación definitiva determinarase logo da comprobación da execución de todas as obras e da emisión do informe favorable dos servizos técnicos das Áreas Provinciais do IGVS, en atención ás facturas e documentos bancarios de pagamento que se presenten como xustificación destas.

A contía máxima da axuda estatal non poderá exceder o 40 por cento do custe subvencionable:

  • Ata 12.000 euros para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética
  • Ata 8.000 euros para actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas
  • Ata 30.000 euros, por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida

As axudas autonómicas terán un importe máximo de 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, sen que en ningún caso poida exceder do 10% do custo subvencionable da actuación reflectida na cualificación definitiva.

Sumaranse ata 1.000 euros, por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación e/ou renovación, se se adapta á Guía de cores e materiais aprobada pola Xunta de Galicia.

Procedemento:

1 º paso: solicitar a cualificación provisional

Para participar neste programa as persoas interesadas deberán solicitar a cualificación provisional das actuacións de rehabilitación e executar as obras de conformidade coa resolución de cualificación provisional.

Prazo de presentación de solicitudes de cualificación provisional:

A cualificación provisional pode solicitarse en calquera momento anterior á finalización das obras. O prazo de presentación de solicitudes pecharase por resolución da dirección xeral do IGVS en atención ao número de solicitudes presentadas e a dotación orzamentaria dispoñible. A resolución de peche do prazo de presentación de solicitudes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do IGVS.

2º paso: solicitar a cualificación definitiva

No prazo máximo dun mes dende o remate das obras, e sempre antes do cumprimento do prazo máximo de execución fixado na resolución de cualificación provisional, a persoa promotora deberá solicitar á correspondente Área provincial do IGVS, a cualificación definitiva das actuacións.

3º paso: solicitar a axuda

No DOG do 22 de marzo de 2021, publicouse a convocatoria das axudas do programa de rexeneración e renovación urbanas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 23 de marzo e ata o 30 de setembro de 2021.

Para poder acceder ás subvencións é necesario que a actuación de rehabilitación do edificio ou vivenda conte coa correspondente resolución de cualificación definitiva.

Non esqueza

O outorgamento da cualificación provisional ou definitiva non implica o recoñecemento do outorgamento da subvención, a cal deberá ser solicitada ao abeiro da correspondente convocatoria.

Incompatibilidades:

Non poderán obter os beneficios deste programa para as actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago as persoas beneficiarias das axudas do programa de rehabilitación edificatoria do Plan de Vivenda estatal.

Tampouco poderán beneficiarse destas axudas as vivendas incluídas no ámbito doutras ARI xa declaradas.

Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, as subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.